Arranxo do Bosque dos Nenos

luns 7 de marzo do 2011
O grupo municipal de Esquerda Unida reclama que se proceda a arranxar os accesos e camiños interiores do bosque dos nenos na parroquia de Valón, asemade de garantir o seu mantemento.

Esquerda Unida propón a elaboración dun plan anual de mantemento dos equipamentos e servizos da zona rural.

“non se pode desbaldir o traballo social das entidades descoidando o mantemento das propias áreas recuperadas”, sinala Yolanda Díaz.


O Grupo Municipal de EU reclama ao Goberno Municipal que proceda de inmediato a arranxar e limpar tanto os accesos canto os camiños interiores do Bosque dos Nenos, espazo natural que se atopa na parroquia de Valón, que foi recuperado co traballo social da entidade Lapis Verde. A nosa organización quere salientar a importancia e fermosura da paraxe e os seus valores culturais e recreativos. Non podemos, xa que logo, deixar de lamentar o descoido do Goberno no que atinxe a garantir un mantemento regular desta área. “ Non se pode desbaldir o traballo das entidades sociais descoidando o mantemento dun área como o Bosque dos Nenos “ sinala Yolanda Díaz.

A nosa organización vén de comprobar in situ o estado de descoido e de falla de mantemento no que se atopa este espazo natural. Non se realizan labores de limpeza, nen de mantemento dos camiños interiores e dos accesos peonís ao mesmo. Incluso a sinaléctica require dunha mellora, dado que semella necesario incluilo na sinaléctica normalizada do concello, porque a única indicación é un cartel en madeira que non garante a mellor das visibilidades.

Yolanda Díaz salienta asemade o traballo de recuperación feito polo colectivo Lapis Verde, un traballo social de primeira magnitude e que amosa, a modo de exemplo, a importancia dos colectivos ecoloxistas e do seu quefacer na nosa bisbarra. Traballo que desgrazadamente desatende un Goberno Municipal descoidado e desinteresado polo coidado das pequenas cousas, que para Esquerda Unida marcan unha diferenza cualitativa no día a día e na vida real da nosa veciñanza.

Esquerda Unida considera necesario a elaboración dun programa anual de mantemento dos espazos naturais da Zona Rural. A importancia destas zonas semella evidente para procurar espazos naturais de lecer e sociabilidade alternativos na nosa Zona Rural. Polo tanto, Esquerda Unida propón a elaboración e execución dun programa anualizado de mantemento deste espazos recuperados na Zona Rural.

A falla de compromiso do Goberno coa veciñanza da Zona Rural é flagrante: dende os grandes incumprimentos, como o de adicar un millón de euros ao reequilibrio de servizos, ate as pequenas cousas, como o descoido e inasistencia ás xuntanzas coas veciñais da Zona Rural. Nese contexto de desleixo se insire o descoido no que se atopa o Bosque dos Nenos. Para Esquerda Unida cómpre remudar esta inaceptable actitude.

No hay comentarios: